Envellecemento activo

Programa de Envellecemento Activo

Envellecer de maneira activa é seguir descubrindo, aprendendo, compartindo e desfrutando da vida.

Programa VIVE+

Baixo esta filosofía nace VIVE+, unha iniciativa impulsada polo Concello de Coristanco en 2026 que sitúa as persoas maiores no centro dunha proposta orientada a promover a saúde, o benestar, a autonomía persoal e a participación social.

O programa parte dunha visión integral do envellecemento, entendendo que a calidade de vida non depende unicamente da saúde física, senón tamén do equilibrio emocional, da estimulación cognitiva, das relacións sociais e das oportunidades para continuar desenvolvéndose persoalmente.

A través dunha programación diversa e adaptada ás necesidades e intereses das persoas participantes, VIVE+ combina actividades de exercicio físico e mantemento funcional, estimulación da memoria, educación para a saúde, benestar emocional, creatividade e convivencia. Todas elas están deseñadas para favorecer hábitos de vida saudables, reforzar as capacidades individuais e contribuír á prevención da dependencia.

Pero VIVE+ é moito máis ca un programa de actividades: é un espazo de encontro, participación e acompañamento. Unha oportunidade para crear vínculos, compartir experiencias, fortalecer as redes de apoio e previr situacións de illamento e soidade non desexada, promovendo unha comunidade máis próxima, inclusiva e solidaria.

Entre os seus principais obxectivos destacan a mellora da calidade de vida, o mantemento da autonomía e da independencia nas actividades cotiás, o fortalecemento da autoestima e a promoción dunha participación activa das persoas maiores na vida social e cultural do municipio.

Con esta iniciativa, o Concello de Coristanco reafirma o seu compromiso cun envellecemento digno, saudable, participativo e de calidade, recoñecendo o papel fundamental das persoas maiores na sociedade e apostando por un municipio no que todas as etapas da vida ofrezan oportunidades para seguir medrando.

O programa VIVE+ conta co financiamento da Deputación da Coruña.

Inscricións no programa VIVE+

As persoas interesadas en participar no programa VIVE+ | Envellecemento Activo deberán cubrir o formulario de solicitude de inscrición, dispoñible para a súa descarga en formato PDF nesta páxina.

Unha vez cuberto, poderán presentar a solicitude a través de dúas vías:

Vía Telemática

a través da Sede Electrónica do Concello de Coristanco.

De maneira presencial

acudindo á Biblioteca Municipal de Coristanco, onde tamén poderán recibir información e asesoramento sobre o programa.

Concello de Coristanco Escudo
Información xeral sobre a privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.