Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Este 25 de novembro queremos volver xuntarnos para lembrar, para reflexionar e para alzar a voz fronte a todas as formas de violencia contra as mulleres.

Baixo o lema «Nin unha cadeira máis baleira», compartiremos unha mañá na que a arte, o teatro, a memoria e a educación se converterán en instrumentos de sensibilización e transformación social.

Porque detrás de cada cadeira baleira hai unha historia interrompida, uns soños por cumprir, uns abrazos pendentes e unha ausencia que nunca debería ter existido.

PROGRAMACIÓN

Mércores, 25 de novembro de 2026

🎭10:00 h | Actuación teatral «Marcho que teño que marchar»

Unha proposta escénica que, a través do humor, nos convida a cuestionar, reflexionar e repensar aquelas condutas que, demasiadas veces, normalizamos como sociedade.

🎨11:00 h | Inauguración da exposición «Unha habitación propia»

Unha mostra das composicións artísticas elaboradas con elementos naturais polas mulleres do obradoiro «Tecendo recordos, transformando vivencias». Un espazo no que a natureza, a creatividade e a memoria se entrelazan para falar de identidade, liberdade e do dereito de cada muller a ser dona da súa propia vida.

🪑Presentación das obras da campaña «Nin unha cadeira máis baleira»

Creacións realizadas polo alumnado dos diferentes centros educativos de Coristanco, que nos lembran a importancia de educar dende a infancia no respecto, na igualdade e na liberdade.

📜Lectura do manifesto institucional do 25N

Uniremos as nosas voces en memoria das que xa non están, en apoio das que sofren e polo futuro das que están por vir.